Edward Jenner

do Galizionario, dicionario galego na Internet.


Galego

Vexa na Galipedia o artigo acerca de «Edward Jenner».
Estatua de Edward Jenner nos xardíns de Kensington, Londres
Nena afectada de varíola en 1973
  1. (Medicina) Edward Jenner, nacido en Berkeley, Gloucestershire, Inglaterra o 17 de maio de 1749 e morto na mesma vila o 26 de xaneiro de 1823, foi un doutor en medicina que se fixo famoso por descubrir a vacina antivariólica, a primeira das vacinas. Fillo do párroco da súa vila, comezou a súa carreira como aprendiz de cirurxián á idade de trece anos, pasando aos vinte e un a Londres para estudar medicina. Bo estudanteben podería ter continuado, se quixese, ao rematar a carreira, as súas actividades na capital, pero preferiu volver ao seu pobo, en 1773, para establecerse alí como médico. A varíola era no século XVIII unha terríbel enfermidade. As epidemias sucedíanse con frecuencia e a mortandade era moi alta (sobre o 20 % dos afectados), quedando os superviventes desfiguarados, aínda que inmunizados, é dicir, sen posibilidade de contraeren de novo o temido mal. O pavor que ocasionaba a varíola fixo que en Turquía, no século XVII, moita xente se infectase voluntariamente coa esperanza de facérense inmunes; algúns pasaban cunha lixeira infección, pero outros quedaban repugnantemente marcados e non poucos sucumbían á morte que trataban de evitar. Nas aldeas de Gloucestershire existía daquela a crenza popular de que a xente que sufría cow-pox, enfermidade benigna e pouco frecuente dos ubres das vacas, que podía transmitirse ao ser humano —e que causa nel só síntomas de pouca importancia—, e que nós coñecemos como varíola das vacas, quedaba inmunizada non só fronte a ela, senón tamén contra a varíola humana. Jener debeu pensar, non haberá algo de certo nesta superstición dos campesiños? E comezou a observar. Decatouse de que as leiteiras tiñan especial predisposición a contraeren a varíola vacúa e tamén, segundo parecía, a non sufriren as marcas da varíola. Sería posíbel que a varíola das vacas e a humana fosen tan semellantes que unha defensa producida no organismo contra a primeira protexera tamén contra a segunda? O doutor Jenner comezou a investigar nesta dirección e, en 1796, arriscouse a realizar a proba decisiva. O 14 de maio dese ano extraeu pus dunha pústula da man de Sarah Nelmes, unha munxidora que contraera varíola vacúa da súa vaca leiteira, e inoculouno a James Phipps, un neno saudábel de oito anos, mediante dúas incisións superficiais. O neno desenvolveu unha leve enfermidade que desapareceu sen a menor complicación. O 1 de xullo, inoculoulle ao neno a temida varíola mediante varias picadas e incisións leves, pero non enfermou, iniciando deste xeito a era da inmunoloxía.

Véxase tamén

inmunoloxía, vacina, varíola