María Pita

do Galizionario, dicionario galego na Internet.


Galego

Vexa na Galipedia o artigo acerca de «María Pita».
María Pita. Monumento na Coruña
  1. (Historia) Mayor Fernández da Cámara Pita, máis coñecida como María Pita, nacida en Sigrás (Cambre) contra 1560 e morta no mesmo lugar en 1643, foi unha heroína galega na defensa da Coruña contra o ataque da Armada británica acontecido no ano 1589. Filla de Simón Arnao e María Pita "a vella", ao facerse maior dedicouse a traballar no negocio familiar, unha tenda na Peixería da Coruña. O 3 de maio de 1589 as tropas inglesas chegaron á Coruña dirixidas polo almirante, e antigo corsario, Francis Drake. O ataque era parte da estratexia da raíña Isabel I de Inglaterra para quitar do trono de Portugal a quen fora seu cuñado e posterior rexeitado pretendente, Filipe II (rei de España desde 1556 e de Portugal desde 1580). Os ingleses, despois de cercar a cidade, abriron unha fenda na muralla e asaltaron a cidade vella. Durante o ataque mataron ao marido de María Pita, quen, chea de rabia, arrebatou a lanza da bandeira inglesa e matou con ela ao alférez que dirixía o asalto, o irmán do almirante Francis Drake. Isto desmoralizou á tropa inglesa, composta de 12 000 efectivos e provocou a súa retirada. A tradición di que este feito foi levado a cabo co berro de "Quen teña honra, que me siga". Rematada a batalla, axudou a recoller os cadáveres e coidou dos feridos. Á marxe da súa intervención no cerco, a súa vida estivo chea de vicisitudes, entre as que figuran numerosos preitos. No Arquivo do Reino de Galicia consérvanse até vinte de diferentes contidos: débedas e apropiación de bens, querelas criminais por insultos e agresións e dúas viaxes á Corte de Madrid. Por causa deles foi condenada ao desterro. Faleceu en Cambre en 1643. Aínda que no seu testamento solicitaba ser enterrada no convento de San Domingos da Coruña, non se conserva ningún documento que o acredite nin se puido identificar a súa sepultura.