Conversa:eritrocito
Nova secciónEritrocito vs eritrócito
[editar]A RAG deu, hai uns anos, e pouco a pouco, pequenos pasos no camiño de establecer as formas canónicas dalgúns termos científicos, seguindo o primeiro criterio que debe terse en conta á hora de tal cousa facer, que é o de axustarse á etimoloxía e á prosodia latina (do latín científico, que é a mesma ca do clásico), caso de ser o étimo grego, e tamén o segundo dos criterios: a universalidade da linguaxe científica.
Recordemos os casos, entre outros, de rumiante, hemacia (por certo, sinónimo de eritrocito), omoplata (pero peroné), parasito ou electrólito, termo este no que convén poñer atención.
Pero non pasou o mesmo nos termos eritrocito e outro relacionado, leucocito. Serán estas as formas correctas, ou tratarase, como tantas outras veces, dun simple calco do castelán, idioma que neste asunto das adaptacións de cultismos derivados do grego (e tamén do latín) é algo vacilante?
Ambas son palabras compostas que se forman cos primeiros elementos eritro- e leuco-, respectivamente, elementos tirados das voces gregas ερυθρός (erythrós) "vermello", e λευκός (leukós) "branco", tendo ambas as dúas como segundo elemento -cito, do grego κύτοσ (kýtos) "cavidade" que, en termos científicos, se emprega co significado de "célula", por creren os primeiros microscopistas que as primeiras células que viron consistían nunha parede que pechava unha cavidade baleira. Onde deben levar o acento tónico?
Fixémonos notras palabras similares. Por exemplo, as que se forman cos sufixos -lito e -filo, derivados, respectivamente, dos termos gregos λίθος (líthos) "pedra" e φίλος (phílos) "amigo, amante, que gusta de". Se repasamos os dicionarios e vocabularios galegos de hai uns anos, antes de que se publicara o VOLGa (aínda que as súas diferentes versións fotocopiadas circulaban entre os dicionaristas), parece que hai unanimidade en filo, pois tanto nos de Galaxia como Xerais figuraban anemófilo "amigo do vento", e halófilo "amigo do sal" e, no Vocabulario das ciencias naturais, canda estes termos veñen moitos mais, como acidófilo, basófilo, esclerófilo, esporófilo e ornitófilo. É dicir, a pronuncia é esdrúxula.
Nas palabras nas que intervén o elemento -lito as cousas non establan tan claras. O Vocabulario recolle aerólito, coprólito, lacólito, lopólito, oólito, pero tamén siderolito. Galaxia coincidía en coprólito, pero non en aerolito nin en oolito. E Xerais parecía decantarse polas formas proparoxítonas, aerólito, copróilito e oólito, aínda que tamén incluía, daquela, un estraño siderolite.
Non sei se haberá algunha razón técnica para que a acentuación dos derivados de -cito, -filo e -lito teñan que ser diferentes (en realidade, si que a sei: non a hai). Vexamos os idiomnas próximos ao noso; non sempre ten que ser o castelán a referencia. Como é o acento destas voces en portugués e catalán? Nestas linguas o acento recae sempre no o do primeiro elemento:
- portugués:
- aerólito, batólito, coprólito, lacólito, oólito, siderólito, etc.
- acidófilo, anemófilo, basófilo, mesófilo, etc.
- e, naturalmente, eritrócito e leucócito
- catalán:
- aeròlit, batòlt, copròlit, lacòlit, oòlit, sideròlit, etc.
- acidòfil, anemòfil, basòfil, mesòfil, etc.
- e, naturalmente, eritròcit e leucòcit
Polo tanto, por coherencia con estes idiomas, coas normas de adaptación de cultismos gregos ao latín científico e, sobre todo, por coherencia interna co propio galego, deberiamos escribir eritrócito, granulócito, leucócito, linfócito, melanócito, trombócito e tantos outros compostos co elemento ´-cito.
Porque quen saiba un pouco destes asuntos (eu tiven que estudar algo de prosodia latina e grega, porque son "de ciencias"), saberá que o υ (ípsilon ou i grego) de κύτοσ, e o ι (iota) e de φίλος e de λίθος son breves, e pasan ao latín igualmente como breves, e no latín, idioma que non usa acentro gráfico, e no que non existen voces agudas (agás os monosílabos), cando un elemento sufixo coma estes ten a vogal da primeira sílaba breve, fan recaer o acento tónico na inmediatamente anterior, formando, así, palabras esdrúxulas.
E por que digo que tamén por coherencia interna co propio galego? Pois porque o galego é lingua románica, e polo tanto debe axustarse a estas normas de adaptación. Podémolo ver, ademais, nos Criterios de elaboración do VOLGa, asinado polo profesor Antón Santamarina, un dos seus coordinadores, xunto co profesor Manuel González, ambos académicos da RAG e, o segundo deles director do seu Seminario de lexicografía. 1
Despois de ler as páxinas apuntadas na nota que está más abaixo, poderiadesme dicir que a escolla normativa tivo en conta a terceira (e menos importante) das normas de eleboración de cultismos: a do uso. Claro, todos os que temos certa idade fomos escolarizados en castelán e, desde logo, todo o mundo, e todos os médicos, din eritrocito e leucocito, pero tamén dicían glucosa, e no VOLGa optouse, a pesar desta presencia na lingua falada, por reunir na mesma familia aos derivados das dúas formas, gluc- e glic-, do grego γλυκύς "doce" (glicosa, glícido, glicósido, etc), que presentan vacilacións nalgúns idiomas, coa da familia dos derivados dos elementos glice- e glicer-, tirados do grego γλυερόσ "de sabor doce", onde non hai vacilacións noutros idiomas, agás no castelán (glicemia, glicerina, glicérido, hipoglicemia, triglicérido, etc.).
Igual tratamento dan aos derivados do prefixo -filo coma os de ´-lito, tanto os derivados λίθος, como os de λυτός "solúbel", incluído, naturalmente, electrólito que, aínda que tecnicismo, o meu mecánico hai xa anos, falándome (en galego), dicía: "hai que cambiala batería, porque está gastado o electrolito".
Será diferente o ύ de κύτοσ que o de λυτός? Penso que é un tema para reflexionar.
Nota
[editar]
1. González González, Manuel, e Antón Santamarina Fernández (Coords.) (2004): Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa). A Coruña / Santiago: Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, pp. 27-37.
— O anterior comentario fíxoo Xoio (disc. • contribs) ás 03:19 do 30 de outubro de 2010.
- Impresionante exposición. Aínda que lamento dicir que pode haber quen non estea de acordo con acoller este tipo de información no Galizionario (conste que eu o vexo positivo) xa que ten unha gran componente de reivindicación (e nin isto é un foro, nin se presenta un punto de vista neutral) e de investigación.
- De todas formas, e se serve de algo, non es o único que pensa así. [ Furagaitas * ] 15:18, 30 de outubro de 2010 (UTC)