Conversa:vilardexense

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
do Galizionario, dicionario galego na Internet.

Este xentilicio, por extraño, debería estar explicado; non casa coas regras de construcción habituais e mesmo,de primeiras, dá impresión de ser un erro inicial de transcripción por *vilardev-ense, no que un -v- manuscrito foi confundido cun -x- por falta de atención. Nunha segunda idea, podería crer cunha denominación popular dos de Vilardevós fose vilard-exo, con sufixo -exo, medio xentilicio (pantinexo, carralexo, portexo)e medio despectivo (así o sinten os de Carral) e logo adaptada cun sufixo culto -ense. Con construcción rara... De acordo..., pero máis intelixíbel. É o que podo discorrer ante algo que me choca moitísimo e que non vexo nos repertorios de xentilicios galegos ao meu alcance. O anterior comentario fíxoo 213.60.241.112 (disc. • contribs) ás 10:43, o 3 de abril de 2012‎.

O xentilicio ten referencias válidas ([1], [2]). De todas formas, grazas pola achega. [ Furagaitas * ] 22:46, 3 de abril de 2012 (UTC)

Hola, boa tarde. Grazas por contestar sr. Furagaitas. Ben, doume hoxe por volver mirar, por tropezar de novo co mesmo. As referencias que me dá son listas. Coñezo algunhas, porque non son tan frecuentes (o mesmo DRAG carece dunha completa). A maioría de gabinete. A lista máis antiga e completa que coñezo sobre xentilicios galegos está nunha edición de 1954 da Enciclopedia Sopena (por suposto en castelán); ignoro como os recolleron, mais imaxino que talvez escribiron aos concellos da época ou por outros medios. Non sei se aí se foi beber parte ou non. Aí está por exemplo banduense (que vdes recollen no artigo sobre Bande). Está claro que é un xentilicio elaborado no seu tempo, a partir da crenza de que había unha relación co deus Bandua, etc. Hoxe non se pode soster. Sábese de onde ben o topónimo (un antigo río Vanate, un territorio Vanate, etc - vaia cousas que se poñen sobre a orixe dese topónimo nesta Galipedia -), e desde logo non é dese deus. Ademais hai o topónimo Bandeses. Así que o xentilicio é posiblemente bandés, -esa. Val máis renunciar a parvadas. Non se pode soster que brigantino é da Coruña e de Betanzos. Bergantiños ( < bricantinos) non chega a Betanzos (que ocupou o lugar actual moito máis tarde). Flavium Brigantium era A Coruña e hoxe non hai dúbidas sobre iso. Valdeorrés é o da terra de Valdeorras, pero os do Barco son barquenses / barqueses, co que se distinguen doutros sitios, concellos, etc, da mesma zona. Unha desas listas asigna só valdeorrés para os do Barco, e tamén para os de Carballeda de Valdeorras, en parte para a Rúa, Vilamartín, etc. Linda confusión. Popularmente os de Carballeda son carballedanos (vou deixar de lado muradanas, ribeiranas, e outras -anas) e os de Larouco, larouqueses; os fornecedores das tales listas non o oíron nunca, e desde o seu asento, como está no oriente, toma !: laroucao, -á, pero, olle, que os de Muras (Lu) son muresán, -á... Os de Rubiá, tamén no Valdeorras, sempre foron rubianeses (rubianés, -esa) e non rubiao, -á; desgraciadamente ás veces hai conciencia de que o nome antigo foi "Ruviana", logo evolucionado a Rubiá - eu corrixiría como rubianense -, porque o xentilicio pode ser culto, ou non ? e entón se refai sobre a forma antiga. Pero rubiao, -á e inexistente e totalmente de laboratorio. Os de A Veiga do Bolo, partido de Valdeorras, foron e son veigueses, non veiguenses, pero nada exclúe que o sexan en segunda forma, cultizante; pero a popular debería constar sempre... O xentilicio máis antigo para A Peroxa, Ou., e peroxau, dado polo mesmo Saco y Arce; pero na lista só vexo peroxense. Que eran ancareses os de Ancares, creo que era case de dominio ata dos iletrados, pero nunha desas listas só figura ancarao, -á, que acabará por imporse deste xeito acrítico. Buenense o de Bueu ?, como aquí se admite un -n- ?. Supoñamos que fose un antigo *Budenu, se deriva de buda 'cana, etc', como opinan algúns toponimistas. Porque entón non se mantén tamén o -d- ? É popular esa forma?, etc. Alguén inventou que en antigo era *Bueno como a palabra castelá? Cando ocorreu, etc ?. É doado elaborar certas formas con algo de coñecementos de galego (-portugués); a maioría dos xentilicios portugueses acaban case sempre en -ense, e a este paso os galegos. Entón volvendo onde comezamos, non vexo que porque vilardexense figure nunha lista, sexa de por si válido. Sigo crendo que é un erro de transcrición doutra cousa, porque non correponde ás regras de construción de xentilicios, falta algo no medio. Acaso non hai grallas continuas ?. Grazas

Interesantes reflexións. É unha mágoa non contar no Galizionario con supervisores como vostede (¿anímase a colaborar editando?). Todos os xentilicios ós que fai referencia aparecen nas fontes indicadas anteriormente. Non temos contra esas palabras máis sospeita que a súa respectable opinión. Polo tanto, e non coñecendo outras fontes de máis peso que nos disuadan de usar esas formas, debemos aceptalas no Galizionario. Só un apuntamento: á marxe do razoamento que se poida facer sobre o topónimo Brigantium, o certo é que, aínda hoxe, o uso máis común do topónimo brigantino é o de natural de Betanzos (como ben recolle o DRAG). Moitas grazas pola súa contribución. Un saúdo. [ Furagaitas * ] 13 de decembro de 2012 ás 16:06 (UTC)[responder]