núcleo celular

do Galizionario, dicionario galego na Internet.

Galego

Vexa na Galipedia o artigo acerca de «núcleo celular».
Esquema do núcleo celular e do retículo endoplasmático.
(1) Membrana nuclear (2) Ribosomas (3) Complexo do poro nuclear (4) Nucléolo
(5) Cromatina (6) Núcleo (7) Retículo endoplasmático (8) Nucleoplasma
Toda a estrutura está rodeada polo citoplasma.

Locución substantiva masculina

núcleo celular

  1. (Bioloxía) En bioloxía celular, o núcleo é unha parte das células que se atopa en todas as células eucariotas e contén a maioría do material xenético. O núcleo, en xeral, controla as actividades da célula, e ten dúas funcións principais: controla as reaccións químicas celulares, na súa maioría citoplasmáticas, e garda a información que se precisa para a división celular. A parte de conter o xenoma da célula, o núcleo contén certas proteínas que regulan a expresión dos xenes. A expresión xenética ao nivel nuclear envolve complexos procesos de transcrición do ARN, o pocecesamento do preARNm e a exportación do mesmo cara ao citoplasma. O núcleo ten un tamaño medio de 6 micrómetros nos mamíferos, pero os máis grandes son as de células vexetais, que poden chegar a 25 micrómetros ou máis. Está rodeado por unha dobre membrana chamada membrana nuclear. A membrana exterior e a interior fúndense nuns determinados intervalos, formando poros nucleares. A membrana nuclear regula e facilita o transporte entre o núcleo e o citoplasma, e tamén separa as reaccións químicas producidas no citoplasma das do núcleo A membrana exterior está asociada co retículo endoplasmático e ás veces pode conter ribosomas. O espazo entre as dúas membranas é continuo co espazo interno do retículo endoplasmático. A cara nuclear da membrana está rodeada duns filamentos que forman a chamada lámina nuclear. O interior do núcleo está cheo dun líquido que constitúe o nucleoplasma. Dentro do núcleo encóntrase o nucléolo, onde se fabrican as subunidades ribosómicas. Atópanse tamén outras formacións menores chamadas corpos subnucleares, que son diversas agrupacións de ARN e proteínas.