Saltar ao contido

Batallón Literario

do Galizionario, dicionario galego na Internet.

Galego

Vexa na Galipedia o artigo acerca de «Batallón Literario».
Estandarte do Batallón Literario
Na praza da Quintana, chamada tamén praza dos Literarios, existe unha placa en lembranza dos combatentes universitarios

Batallón Literario

  1. (Historia) O Batallón Literario foi unha compañía militar formada por estudantes da Universidade de Santiago de Compostela en diversos períodos históricos, sendo o máis famoso o formado durante a francesada, para loitar contra a invasión francesa dirixida por Napoleón. En 1808, nunha reunión celebrada nos claustros da Universidade de Santiago, presidida por Rafael de Murquiz, arcebispo de Compostela, acordouse a colaboración da Universidade co movemento popular a prol de liberar o país. Constituíuse un Batallón cos estudantes e procedeuse a buscar alguén con experiencia militar para dirixilo. O elixido foi Juan Ignacio de Armada, IV marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Obtívose financiamento mediante achegas populares, e outras como as do propio marqués. Para que este puidese mandar sobre os alumnos universitarios, foi necesario facelo doutor de todas as Facultades, título concedido con carácter hereditario. O batallón formouse en 42 días, dándoselle ordes para a súa incorporación a filas, tras o acto de bendición da bandeira, no que tivo lugar unha arenga do arcebispo. Esta bandeira aínda se conserva na biblioteca da Universidade: coa cor branca da bandeira histórica de Galicia, presenta ademais dous escudos: o do Antigo Reino de Galicia, e o escudo de armas da Universidade, ambos os dous cubertos por unha coroa real, ademais da seguinte inscrición: AUSPICE DEO: PRO LIBERTATI REGIS PALLADIS LEGIO: ANNO MDCCCVIII. O Batallón contaba cunha marcha propia de combate. O himno foi pasando de gaiteiro en gaiteiro e empregado durante anos nos diferentes movementos políticos de Galicia. Os soldados portaban ademais unha cinta, cun breve poema, que aludía á unión entre a cultura e o mundo militar en prol da defensa nacional: Por rescatar a Fernando (o rei Fernando VII) y acabar con Bonaparte unióse Minerva a Marte. O 18 de xullo de 1808 o batallón incorporouse ás tropas do xeneral Blake, onde formaron a vangarda xunto aos voluntarios navarros. Un dos múltiples episodios recordados foi o de entrar de incógnito na Coruña a recoñecer as baterías, malia estar tomada a cidade polo mariscal Ney. En 1810 o xeneral Castaños deu a orde de disolución do Batallón Literario, outorgando aos poucos sobrevivintes o rango de oficiais nos corpos militares. O Batallón de estudantes universitarios volveu a formarse en Compostela, de xeito efémero, durante a fracasada Revolución galega de 1846.