Apéndice:Mariscos galegos. Vocabulario galego-italiano-español

do Galizionario, dicionario galego na Internet.

Introdución[editar]

Este é un pequeno estudo lexicográfico que, partindo da terminoloxía galega referida aos mariscos, recolle unha definición de cada lema e mais os seus equivalentes casteláns e italianos. É un proxecto que xorde dos contidos de Lexicografía Italiana da Universidade de Santiago de Compostela e que esperamos poder ampliar con outros campos semánticos.

Que se entende por marisco?[editar]

A denominación de “marisco” aplícaselles a tódolos equinodermos, moluscos e crustáceos comestibles. Con todo, o termo, ao ser de carácter popular, refírese a calquera invertebrado mariño comercializable para o consumo humano e admite a súa extensión a distintos grupos de especies, como por exemplo, os moluscos cefalópodos.

Vocabulario galego-italiano-español[editar]

(Utilizáronse as definicións presentes no Dicionario en liña da Real Academia Galega).


ameixa bicuda, ameixa bruxa (Venerupis aurea): s.f. Molusco bivalvo da familia dos venéridos, coa cuncha oval, amarela no interior e branca, amarela ou marrón no exterior → (It.) vongola | (Esp.) almeja bicuda

ameixa femia, ameixa fina (Ruditapes decussatus): s.f. Molusco bivalvo da familia dos venéridos, que pode chegar aos sete centímetros de lonxitude, coas valvas estriadas, de cor branca, amarela ou marrón clara, ás veces con debuxos en zigzag→ (It.) vongola verace | (Esp.) almeja fina

ameixa macho, ameixa babosa (Venerupis pullastra): s.f. Molusco bivalvo da familia dos venéridos, de pequeno tamaño, a cuncha pouco estriada e cor amarelada, gris ou tirando a marrón → (It.) vongola | (Esp.) almeja babosa

berberecho, croque (Cerastoderma edule): s.m. Molusco bivalvo de cuncha dura e globosa, semellante a un corazón vista de perfil, de pequeno tamaño, cor entre gris e branca rosada e carne comestible, que vive enterrado no lodo e na area dos fondos mariños → (It.) cuore | (Esp.) berberecho

bígaro, caramuxo (Littorina littorea): s.m. Gasterópodo mariño da subclase dos prosobranquios do que existen varias especies, de dimensións reducidas, coa cuncha enrolada en espiral e rematada nun ápice aguzado, de carne comestible, que vive sobre as penas da ribeira → (It.) littorina | (Esp.) bígaro

boi de mar (Cancer pagurus): s.m. Crustáceo mariño da orde dos decápodos, de cacho groso de forma ovada e superficie pouco rugosa, dotado de grosas pinzas no primeiro par de patas, de cor entre rosa e castaña no dorso e tirando a branca no ventre → (It.) granciporro (atlantico) | (Esp.) buey de mar

cadelucha (Donax trunculus): s.f. Molusco bivalvo da familia dos donácidos duns tres centímetros de lonxitude, coa cuncha de cor verde oliva pálida ou parda clara e interior branco, violeta ou laranxa. → (It.) tellina | (Esp.) coquina.

camarón (Palaemon serratus): s.m. Crustáceo mariño da orde dos decápodos, de catro a dez centímetros, segundo as especies, co corpo comprimido lateralmente e cunha prolongación dentada do rostro, que vive preto da costa en zonas rochosas de pouca profundidade e con moita vexetación → (It.) gamberetto | (Esp.) camarón

cangrexo de mar (Carcinus maenas): s.m. Decápodo da suborde dos braquiúros, de corpo reducido e máis ou menos aplanado, con pinzas no primeiro par de patas e do cal existen varias especies → (It.) granchio ripario | (Esp.) cangrejo de mar

cangrexo real (Geryon affinis): s.m. Decápodo da suborde dos braquiúros de corpo hexagonal e patas longas → (It.) granchio reale | (Esp.) cangrejo real

centola (Maja Squinado) : s.f. Crustáceo mariño da orde dos decápodos, dotado de pinzas no primeiro par de patas, co cacho ovalado, robusto e con numerosas protuberancias, e de cor vermella ou rosada → (It.) grancevola | (Esp.) centolla

chirla (Chamelea gallina): s.f. Molusco bivalvo, da familia dos venéridos, parecido á ameixa, de cuncha sólida, grosa, arredondada e con estrías → (It.) vongola (piccola) | (Esp.) chirla

chopiño (Sepiola rondeletii) s.m. Xiba pequena de cores brillantes. → (It.) seppiola | (Esp.) globito.

chopo, choco (Sepia officinalis): s.m. Molusco da clase dos cefalópodos, de corpo ovalado e groso, cunha cuncha calcaria interna e unha bolsa de tinta coa que escurece a auga en situacións de perigo, coma o polbo e a lura. → (It.) seppia | (Esp.) sepia.

choquiño (Sepia elegans): s.m. Xiba pequena. → (It.) seppietta, seppiolina | (Esp.) choquito

choupa (Illex condetii): s.f. Molusco da clase dos cefalópodos, de aparencia semellante á da lura pero coa cabeza máis voluminosa. → (It.) totano | (Esp.) pota voladora.

cigala (Nephrops norvegicus): s.f. Crustáceo da orde dos decápodos, co primeiro par de patas transformado en pinzas grandes e fortes, de abdome longo protexido por placas e rematado nunha cola ancha e de cor rosa tirando a vermella, que pode alcanzar os vinte centímetros → (It.) scampo | (Esp.) cigala.

cornecho espiñoso (Murex brandaris): s.m. Molusco gasterópodo mariño comestible, coa cuncha provista de numerosas espiñas e prolongada nun tubo longo e estreito. → (It.) murice spinoso | (Esp.) cañadilla.

lagosta (Palinurus vulgaris): s.f. Crustáceo mariño da familia dos palinúridos de corpo alongado, cun tamaño medio entre vinte e trinta centímetros, con dúas longas antenas moi robustas e grosas no pé, sen pinzas e moi apreciado pola súa carne. → (It.) aragosta mediterranea | (Esp.) langosta común.

lagosta do Caribe (Palinurus argus): s.f. Crustáceo mariño da familia dos palinúridos de corpo alongado, cun tamaño medio entre vinte e trinta centímetros, con dúas longas antenas moi robustas e grosas no pé, sen pinzas e moi apreciado pola súa carne. → (It.) aragosta | (Esp.) langosta común.

lagosta moura (Palinurus mauritanicus): s.f. Crustáceo mariño da familia dos palinúridos con tamaños de ata setenta e cinco centímetros e peso de ata seis kilos procendente do Atlántico occidental africano e de cor rosada-vermella sen manchas. → (It.) aragosta bianca, aragosta mauritanica | (Esp.) langosta roja

lagosta verde (Palinurus regius): s.f. Crustáceo mariño da familia dos palinúridos de aproximadamente trinta e cinco centímetros, co caparazón dunha cor verdosa-azul procendente do atlántico norte africano e das illas Canarias. → (It.) aragosta verde | (Esp.) langosta real.

lagostino (Panaeus kerathurus): s.m. Crustáceo da orde dos decápodos que mide de doce a vinte centímetros, de cor gris ou amarela verdosa, que se compra xeralmente conxelado xa que na súa maior parte procede do Atlántico Sur, do Índico ou do Pacífico. → (It.) mazzancola, gambero imperiale | (Esp.) langostino.

lapa (Patella vulgata): s.f. Molusco univalvo mariño da clase dos gasterópodos, de cuncha cónica e rugosa, que vive pegado ás rochas da costa e se alimenta de algas. → (It.) patella | (Esp.) lapa común.

longueirón (Ensis siliqua): s.m. Molusco bivalvo da familia dos solénidos, comestible, de cuncha alongada semellante á da navalla, pero máis longa e menos curvada. → (It.) cannolicchio | (Esp.) muergo.

longueirón vello (Solen marginatus) s.m. Molusco bivalvo da familia dos solénidos, comestible, de cuncha alongada semellante á do longueirón, pero totalmente recta. → (It.) cannolicchio | (Esp.) longueirón, navaja europea.

lumbrigante (Homarus gammarus): s.m. Crustáceo mariño da familia dos astácidos semellante á lagosta, pero con grandes pinzas no primeiro par de patas, que se pesca en zonas rochosas e é moi apreciado pola súa carne → (It.) astice | (Esp.) bogavante

lura (Loligo vulgaris): s.f. Molusco de corpo alongado da clase dos cefalópodos, con oito brazos con función prénsil e dous tentáculos con función táctil e copuladora moito máis longos ca os brazos, dúas aletas triangulares na parte posterior e cunha cuncha interior delgada e transparente en forma de pluma→ (It.) calamaro | (Esp.) calamar

mexillón atlántico (Mytilus edulis): s.m. Molusco bivalvo comestible, da orde dos mitílidos de cuncha entre azul escura e negra. → (It.) mitilo comune | (Esp.) mejillón común.

mexillón común (Mytilus galloprovincialis): s.m. Molusco bivalvo comestible, da orde dos mitílidos de cuncha entre azul escura e negra. → (It.) mitilo galloprovinciale | (Esp.) mejillón mediterráneo.

navalla (Ensis ensis): s.f. Molusco bivalvo da familia dos solénidos, comestible, de cuncha alongada e algo curvada, que pola súa forma semella o obxecto do que leva o nome. → (It.) cappalunga | (Esp.) navaja.

nécora (Necora puber): s.f. Crustáceo decápodo da suborde dos braquiúros (Macropipus puber), de corpo negro, semellante a un cangrexo pequeno, e o cacho de aspecto piloso, moi apreciado pola súa carne. → (It.) granchio da moleca, necora | (Esp.) nécora.

ostra común, ostra plana (Ostrea edulis): s.f. Molusco mariño da clase dos lamelibranquios, de cuncha rugosa e irregular, que vive a pouca profundidade unido ás penas ou enterrado na area, moi apreciado pola súa carne e do que existen diversas especies. → (It.) ostrica | (Esp.) ostra, ostra común.

ostra portuguesa, ostra rizada (Crassostrea gigas) s.f. Molusco mariño da clase dos lamelibranquios, no exterior diferénciase da ostra común pola súa cuncha alongada e desigual. → (It.) ostrica concava | (Esp.) ostión.

ourizo (Paracentrotus lividus): s.m. Animal mariño pequeno da orde dos equinodermos, de cuncha esférica algo achatada e cuberta de espiñas articuladas e puntiagudas. → (It.) riccio di mare | (Esp.) erizo de mar

percebe (Pollicipes pollicipes): s.m. Crustáceo mariño da subclase dos cirrípedes (Pollicipes cornucopiae), dotado dun pé longo e carnoso protexido por unha forte pel, rematado na parte superior nunha cuncha composta de varias pezas que encerran o corpo do animal, e fixado pola parte inferior ás rochas dos lugares moi batidos polo mar, onde vive en comunidades numerosas. → (It.) percebe, a maioría dos dicionarios confunden o Pollicipes pollicipes co Lepas anatifera, coñecido comúnmente como lepade. | (Esp.) percebe

polbo branco, cabezudo (Eledone cirrhosa) s.m. Molusco mariño sen cuncha da clase dos cefalópodos, semellante ao polbo común, pero co corpo máis grande. → (It.) moscardino | (Esp.) pulpo blanco.

polbo común (Octopus vulgaris): s.m. Molusco mariño sen cuncha da clase dos cefalópodos, de corpo globoso e oito brazos ou tentáculos con ventosas, chamados raxos. → (It.) polpo | (Esp.) pulpo común.

pota común (Todarodes sagittatus): s.f. Molusco da clase dos cefalópodos parecido á lura, pero de carne máis dura e menos apreciada. → (It.) totano | (Esp.) pota europea.

santiaguiño (Scyllarus arctus): s.m. Crustáceo mariño, da orde dos decápodos, que ten o cacho moi duro e rugoso, duns dez centímetros de tamaño, e na cabeza ten unha especie de antenas en forma de espátula. → (It.) magnosella | (Esp.) santiaguiño.

vieira (Pecten maximus): s.f. Molusco bivalvo da clase dos lamelibranquios, de carne apreciada, coa valva superior plana e a inferior convexa, de tamano superior ao da vieira común (Pecten jacobaeus). → (It.) capasanta | (Esp.) vieira.

vieira do Mediterráneo (Pecten jacobaeus): s.f. Molusco bivalvo da clase dos lamelibranquios, de carne apreciada, coa valva superior plana e a inferior convexa, denominada por Linneo Pecten jacobaeus en homenaxe ao símbolo da peregrinaxe a Santiago de Compostela. → (It.) capasanta, pellegrina VAR. capa santa, cappasanta, cappa santa | (Esp.) vieira, concha de peregrino.

voadora, voandeira (Aequipecten opercularis): s.f. Molusco dos lamilibranquios, moi parecido á zamburiña, con cuncha de contorno arredondado con orellas desiguais formada por dúas valvas convexas, a de arriba un pouco máis aplanada, de cor variable → (It.) canestrello | (Esp.) volandeira.

zamburiña (Chlamys varia): s.f. Molusco dos lamelibranquios parecido á vieira, pero de menor tamaño e de carne moi apreciada → (It.) canestrello, pettine vario | (Esp.) zamburiña.

Bibliografía[editar]

• A. Giordano, C. Calvo Rigual, Diccionario Italiano-Spagnolo, Español, Italiano, Barcelona, Herder Editorial, 2006.

• B. Buono, Mª C. de Frutos, J. Gutiérrez Carou, C. Marchisio, Vocabulario Galego-Italiano (Gastronomía), Santiago de Compostela, USC, 2011.

• I. González (dir.), Dicionario Italiano-Galego, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Centro Ramón Piñeiro, 2000.

• AA.VV., Il dizionario Spagnolo-Italiano, Italiano-Spagnolo, Torino, Paravia-Espasa, 2005.

• F. Lahuerta Mouriño, Francisco X. Vázquez Álvarez, Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Centro Ramón Piñeiro, 2000.

• AA.VV., Dizionario analogico della lingua italiana, Milano, Garzanti Linguistica, 2002.

• G. Devoto, G. C. Oli, Nuovissimo vocabolario illustrato della Lingua italiana, Milano, Selezione dal Reader's Digest, 1997.

• L. Tam, Grande dizionario di Spagnolo (Spagnolo-Italiano, Italiano-Spagnolo), Milano, Hoepli, 2010.

• N. Zingarelli, Lo Zingarelli, vocabolario della Lingua italiana, Bologna, Zanichelli, 2003.

• N. Zingarelli, Il nuovo Zingarelli minore, vocabolario della Lingua italiana, Bologna, Zanichelli, 2010.

• J. Villoch, Guía de los Mariscos de los mercados de Galicia, Casa de las Ciencias, Ayuntamiento de La Coruña, 1991.

• F. Sabatini, V. Coletti, Dizionario della Lingua Italiana, Milano, Rizzoli-Larousse, 2007/2008.

Sitios web[editar]

Dicionario en liña da Real Academia Galega (RAG).

Boletín Oficial del Estado (BOE), Jueves 21 de junio de 2012, Núm. 148, Sec. III.

• Páxina web de aolamagna.

• Páxina web de asturnatura.

• Páxina web de biologia marina.

• Páxina web de mondo marino.

• Páxina web de PescadeRías (Xunta de Galicia).