egotélidos

do Galizionario, dicionario galego na Internet.

Galego

Substantivo masculino plural

Noiteboa australiana, Aegotheles cristatus
Noiteboa australiana, pola noite, no Val Wollombi, Nova Gales do Sur, Australia

egotélidos

  1. (Ornitoloxía) Familia de aves egoteliformes, semellantes ás noiteboas, de pequenas dimensións (uns 30 cm de lonxitude) e coa cabeza relativamente grande e arredondada, de xeito que a súa forma recorda á dun bufo, e patas delgadas, que viven en zonas de selva, desde a India até Australia e Nova Guinea. Comprende un xénero, Aegotheles, cunhas dez especies, denominadas egotelos, das que a máis coñecida é Aegotheles cristata, a noiteboa bufo ou egotelo australiano.

Observacións

A sistemática dos egotélidos é moi controvertida. Aínda que recentemente se estableceu para acoller esta familia unha nova orde, a dos egoteliformes, moitos autores non a aceptan, e seguen a clasificala dentro da dos caprimulxiformes, e mesmo algúns na dos estrixiformes.
Pero as relacións entre os egotelos e os diferentes grupos de caprimulxiformes non están claras: no século XIX considerábanse como unha subfamilia dos podárxidos (podargos), e aínda se consideran xeralmente relacionados con eles ou coas noiteboas; pero recentemente se suxeriu (Mayr, 2002) que están máis relacionados cos apodiformes (birrios).
O seu aspecto e comportamento son moi semellantes aos dos caprimulxiformes. Curiosamente, os antepasados dos birrios (apodiformes) e dos colibrís (troquiliformes), dous grupos de aves moi especializadas, eran moi similares a pequenos podargos.