Wiktionary:Cousas que non se deben facer
O Wiktionary é un proxecto feito en colaboración. Isto significa, obviamente, que só funciona se vostede colabora construtivamente no seu desenvolvemento. Para que iso aconteza, hai algunhas normas de conduta a ter en conta, que todos e todas deben ler. O que segue non dispensa a consulta das normas de conduta, só é un resumo rápido dos erros máis frecuentes e do motivo polo cal son erros.
- Véxase tamén: Wiktionary:O que o Wiktionary non é.
Nunca copie no Wiktionary material doutras fontes
[editar]Agás no caso de que se trate de material no dominio público ou se ten a autorización expresa do autor, nunca copie no Wiktionary material doutras fontes. O motivo é simple: os dereitos de autor están protexidos pola lexislación adoptada por todos os países do mundo, e se un autor se sente lesionado nos seus dereitos pode demandar o Wiktionary, o que pode provocar danos moi serios ao proxecto.
Diferencie entre o que está protexido polos dereitos de autor e o que é a expresión persoal desa información. Isto significa que vostede pode empregar a información obtida de fontes externas sempre e cando a redacte coas súas palabras. É dicir: non pode copiar os textos pero si pode reutilizar a información contida neles.
Non entre en guerras lingüísticas
[editar]Este Wiktionary é de lingua galega e grafía galega (a establecida pola Real Academia Galega). Non intente mudar ou utilizar a grafía portuguesa, para iso está o Wiktionary en portugués. O Wiktionary alberga palabras noutras linguas, por suposto, pero estas ligan a palabras en galego ou conteñen definicións en galego (cando non hai tradución).
Non use imaxes colocadas en servidores externos
[editar]As imaxes colocadas noutros servidores non están, moi probablemente, no dominio público e por iso o seu uso é ilegal e incompatible coa licenza do Wiktionary. A parte diso, quen usa imaxes que están noutros servidores consume ancho de banda de terceiros e prexudícaos. As imaxes usadas no Wiktionary deben ser cargadas previamente no servidor do mesmo ou, preferiblemente, na Wikimedia Commons. Isto tamén se refire á descarga da base de datos para o seu uso fóra deste servidor.
Non borre: corrixa e aumente
[editar]Agás en casos de violación dos dereitos de autor, nunca debe borrar información coa que non concorde. En vez diso, corríxaa e complétea e, en caso que lle pareza que a alteración que se propón facer pode levantar polémica, propóñaa primeiro na páxina de discusión do artigo en cuestión.
Isto non significa, naturalmente, que non poida (e deba) mover información que pense que encaixa mellor noutro sitio, ou nunha páxina de seu (salvo que as normas deste Wiktionary digan o contrario).
Tampouco discuta na propia páxina dos artigos. Para as discusións existe unha páxina apropiada, a páxina de conversa.
Non experimente coas páxinas normais
[editar]Existe unha páxina propia para facer probas e coller experiencia á que chamamos Zona de probas. Cun sitio tan bo para facer probas, para que estragar o traballo dos outros editores, ou para que crear páxinas sen contido?
Non asine os seus textos
[editar]Como calquer texto do Wiktionary pode ser alterado por calquera outra persoa, e iso é inevitable que aconteza, cada artigo do Wiktionary remata por ter varios autores. Estes autores quedan gardados na base de datos automaticamente, desde que o autor está rexistrado. Pode consultar a listaxe de autores de cada artigo no seu historial. Por iso, non asine as súas contribucións no propio artigo.